Thursday 09 de May de 2024

O Concello de Noia aproba declarar ben demanial de dominio público un camiño no lugar de Curral de Ousoño


 

María Beatriz Rosende tomou posesión como concelleira do grupo municipal do PP

O pleno municipal do Concello de Noia aprobou declarar un camiño sito no lugar de Curral de Ousoño como ben demanial de dominio público, proceder á taxación da finca e incluílo no inventario municipal. Unha medida aprobada cos votos a favor dos grupos municipais do PP e NOIA e a abstención de PSOE, Marea Cidadá de Noia e BNG.

Previamente, os grupos de Marea Cidadá de Noia e PSOE pediran que o asunto quedara sobre a mesa. O voceiro da Marea, Manuel Seijas, alegou que “non vimos o levantamento topográfico e necesitamos tempo para ver o trazado”; mentres que o voceiro socialista, José Manuel Lage, indicou que “sería bo contar con máis información porque non temos todos os elementos de xuízo para pronunciarnos”.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, explicou que “a documentación foi analizada na comisión informativa correspondente e se trasladou o informe do levantamento topográfico”, tal e como confirmou o secretario municipal, quen explicou que “se anexó el documento íntegro al dictamen. La documentación estaba íntegramente a disposición de los concejales”.

Tras unha interrupción da sesión para debater a cuestión entre os grupos, o alcalde noiés concluíu que “a documentación, independentemente da ubicación, foi entregada e se clarexou na comisión informativa. Ademais, os informes xurídico e de Secretaría son claros”, polo que desestimou a proposta de deixar a cuestión sobre a mesa. Neste sentido, Freire Abeijón lembrou que “é un expediente iniciado hai máis de dez anos por corporacións anteriores e se deixou caducar. E agora temos chegado a unha situación na que se pediu o inicio deste expediente de investigación. O asesor xurídico detallou o protocolo a seguir e respondeu ás preguntas da oposición”.

Resto da orde do día

Previamente a este debate, María Beatriz Rosende Paz tomou posesión como concelleira do grupo municipal do Partido Popular, en substitución de Ana Belén García Vidal, que renunciou en xaneiro por motivos laborais. Así mesmo, o pleno non admitiu a urxencia das dúas mocións presentadas pola Marea Cidadá de Noia. A primeira, na que se propuña un Plan de Vivenda Municipal, “precisa dunha análise máis detallada en comisión informativa”, explicou Santiago Freire, explicación que foi aceptada polo voceiro da Marea.

Na retirada da segunda moción xa non houbo ese acordo, pois o voceiro da Marea de Noia insistía no seu debate “visto o carácter propósitivo e no contexto do 8 de marzo”. Porén, o alcalde de Noia insistiu na necesidade de contar con máis información e trasladar a cuestión a unha comisión informativa, polo que tanto o grupo municipal do PP como do NOIA votaron en contra da urxencia da moción, polo que non foi debatida.

Si se aprobaron por unanimidade e sen debate as dúas mocións do grupo municipal socialista, nas que pedía “que os servizos técnicos estuden o estado no que están os bancos da alameda e se poida saber canto custa o arranxo antes de maio”, así como “a limpeza e o arranxo da canalización da fonte do Campo de Noia”, explicou Lage.